Achegamos o Nadal aos hospitais
Comprácenos compartir a nova colaboración do Centro Comercial Travesía con ASOTRAME, Asociación de persoas trasplantadas de medula ósea e enfermidades oncohematológicas. Esta asociación traballa directamente con pacientes con cancro hematolóxico nos principais hospitais galegos. Estes pacientes pasan longas tempadas nos hospitais, e desta difícil situación, xorde a iniciativa da caixa de correos «Luces de Colores», co obxectivo de achegar o nadal aos hospitais.
O proxecto consiste en depositar nunha caixa de correos postais do Nadal feitas voluntariamente por todas aquelas persoas que queiran participar. Con estas postais móntase unha pequena exposición nos distintos hospitais galegos e, coa axuda de voluntariado e expacientes, faise un reparto ás persoas que están ingresadas.
O Centro Comercial Travesía para colaborar con esta iniciativa habilitou un espazo na planta baixa para a instalación dunha caixa de correos, onde depositar as postais, e todo o necesario para poder elaboralas alí mesmo.